DAVILA, BERTA / TEIMOY, XIANA (Ilustración)
Nun edificio de cinco andares viven Afonsa Sosón e o seu neto André, o señor Demetrio Demoscopio, as irmás Carmelina e Laudina Flan, e o mago Ciro. No edificio todos son vellos, menos André, e todos son bastante felices. Ata que unha noite Demetrio Demoscopio perde a chispa e André decide que fará todo o posible para que o seu amigo a recupere: mesmo atravesar as follas dun libro máxico e aparecer na urbanización onde viven os personaxes dos contos cando ninguén os le.
Berta Dávila estréase na novela infantil cunha deliciosa, tenra e divertida historia de amor, polas persoas e tamén polos libros.
Berta Dávila (Santiago de Compostela, 1987) é autora dos libros de poemas Corpo baleiro (2007) e Dentro (Premio Avelina Valladares, 2008), da novela Bailarei sobre a túa tumba (Premio Biblos de Novela, 2008) e do libro de relatos A arte do fracaso (2010) que foi traducido ao castelán e ao xaponés. Con Raíz da fenda obtivo, en 2012, o Premio Johán Carballeira de Poesía.