FERNÁNDEZ PAZ, AGUSTÍN / PRADO PLANA, MIGUELANXO (Ilustración) / PRADO, MIGUELANXO (Ilustración)
Desde hai trinta e cinco anos, Damián traballa como operador de cabina no mellor cine da cidade. Cando recibe a noticia de que a sala vai desaparecer e que todos os empregados serán despedidos, a súa vida experimenta un cambio extraordinario que tamén afecta a Marga, a súa dona. Dun xeito progresivo, os seus corpos comezan a se volver transparentes, invisibles aos ollos das persoas que viven ao seu redor.Empregando recursos da novela fantástica e combinando o suspense cunha delicada melancolía, Fantasmas de luz fálanos dun dos grandes dramas contemporáneos: o da exclusión e a invisibilidade a que se ve sometida unha parte da sociedade.Fantasmas de luz tamén quere ser unha homenaxe ao cine, tanto ás vellas salas que foron esmorecendo como ás grandes películas que, sen ser a vida mesma, «axudan a entendela e enchen de esperanza o corazón».
Naceu en Vilalba no ano 1947. Mestre e licenciado en Ciencias da Educación, desenvolve a súa actividade profesional no ensino. Despois de exercer o maxisterio en diversos centros escolares, traballou no gabinete de estudos para a Reforma Educativa e, na actualidade, é coordenador docente de Lingua Galega na cidade de Vigo. Aínda que é autor de moitos traballos sobre cuestións pedagóxicas e relacionadas coa literatura infantil e a normalización lingüística, Fernández Paz debe a súa popularidade como escritor á súa obra narrativa, recoñecida dentro e fóra de Galicia con numerosos premios. Entre os seus libros destacan A cidade dos desexos (1989), As flores radiactivas (1989, premio Merlín), Contos por palabras (1990, premio Lazarillo), Lonxe do mar (1991), O tesouro do dragón Smaug (1992), As tundas do corredor (1993), Rapazas (1993), Trece anos de Branca (1994, premio Edebé) e Unha lúa na fiestra (1997).