VEIGA, MANUEL / LASTRA MURUAIS, XOSÉ / DIAZ, NURIA (Ilustración)
Este libro retrata a Manuel María, o home que aspiraba a coñecer a todos os galegos, un a un. Trátase dun relato engaiolante da súa vida cotiá, acompañado sempre da súa dona, Saleta Goi, mais tamén é un fermoso percorrido polas súas actividades como procurador, libreiro, editor, xornalista... Camiñante polos vieiros da terra e autor teatral, Manuel María (o primeiro mozo que publicou unha obra en galego despois da Guerra Civil) foi, sobre todo, un poeta que saloucaba cando vía unha estrela. O volume complétase cunha cronoloxía da vida e obra, ademais dunha antoloxía de poemas, «Ferrados de corazón», do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2016.
Manuel Veiga naceu en Monforte de Lemos no ano 1960.
É doutor en Ciencias Políticas e Socioloxía e licenciado en Ciencias da Información. A súa tese de doutoramento foi unha investigación dun caso concreto na realidade da prensa galega, o exemplo do Faro de Vigo, levaba por título "La construcción social de la realidad regional gallega a través de la prensa. El caso de "Faro de Vigo" (1898-1923)".
Escritor e xornalista, desde 1983 é redactor do semanario "A Nosa Terra".
Ten obra narrativa como As ruínas da cidade amada (1998), Biografías de malogrados (2001), e O exiliado e a primavera novela coa que obtivo o Premio Xerais de Novela no ano 2004. Publicou, ademais, O pacto galego na construción de España, un ensaio do ano 2003.
En 2006 obtivo o Premio García Barros de novela con Lois e Helena buscándose un día de tormenta, publicado por Editorial Galaxia.