Sara, unha muller que está farta dos ruídos da cidade, decide cambiar de estilo de vida. Un mozo vive obsesionado polas voces dos seus veciños, que lle impiden levar unha vida normal. Outra muller cítase nunha cafetería cun home ao que coñeceu a través de Internet. S. Lonely toma a decisión, por primeira vez na súa vida, de emprender unha pequena viaxe de vacacións para romper a rutina. Un escritor, que recibe correos dunha lista na que nunca se deu de alta, descobre a carga subversiva dos hoax, esas falsas cadeas que se envían a través do correo electrónico. Simultaneamente, diversos mails cruzan o ciberespazo deste libro singular.Estas son algunhas das historias e personaxes do novo libro de Fran Alonso. Ninguén aborda os actuais xeitos de relación entre as persoas nas sociedades urbanas e o modo en que a cidade e a tecnoloxía inflúen para mudar os medios que empregamos para comunicarnos. O libro está centrado na convivencia entre os veciños dun edificio, pero tamén no uso da tecnoloxía como paradigma das formas de relación. Desde a presenza do teléfono móbil ata o contacto persoal a través das redes sociais, Ninguén explora esa nova condición que hoxe nos define aos cidadáns das comunidades contemporáneas, vencelladas, entre outras cousas, ao individualismo, á máquina, á soidade e ao ruído.
Fran Alonso (Vigo, 1963) comezou a súa traxectoria como escritor ao gañar o Premio Blanco Amor de Novela en 1991 con «Tráiler» (Xerais). Desde entón publicou novelas, libros de relatos, poesía, literatura infantil, xuvenil e libros de xornalismo. A súa obra está guiada sempre por unha actitude innovadora. En 1994 publicou o libro de relatos «Cemiterio de elefantes» (Xerais, 1994) e logo viñeron a novela «Silencio» (1995-Xerais, 2014), «O brillo dos elefantes» (Xerais, 1999), «Males de cabeza» (Xerais, 2001), «Cartas de amor» (Xerais, 2006), «Ninguén» (Xerais, 2011) e «A punta de pistola» (Xerais 2012), que foi XII Premio de Novela por Entregas La Voz de Galicia, así como as biografías «A vida secreta de María Mariño» (Xerais, 2007), «Folerpas de Novoneyra» (Xerais, 2010) e «A voz que vén da seitura» (libro-CD, 2007). No ámbito do xornalismo, publicou os libros «Territorio ocupado» (Xerais, 1998), «Un país a medio facer» (Xerais, 2008) e «Contesta ou disparo» (e-book, 2011). A súa obra poética deuse a coñecer coa publicación, en 1992, de «Persianas, pedramol e outros nervios» (1992), ao que seguiron «Tortillas para os obreiros» (1996), »Cidades» (Xerais, 1997), «Subversións» (Xerais, 2001), «Balada solitaria» (2004), «O meu gato é un poeta» (libro-CD, Xerais, 2011), « Poemas birollos para ler cos ollos» (Xerais, 2016), «Terraza» (Xerais, 2017), e «Transición» (libro-CD, 2011). Tamén é autor da coñecida antoloxía «Poetízate» (Xerais, 2006), que se converteu nun best-seller, e dos álbums ilustrados «A casa da duna» (Xerais, 2002) e «A araña e mais eu» (2009). Así mesmo é colaborador de diversos medios de comunicación, activista a favor da lectura, realizou o deseño e ilustracións dalgúns dos seus libros e leva a cabo diversos espectáculos poéticos. A súa obra está traducida a varias linguas.