En momentos nos que a desesperanza vai da man da axitación cómpre revisar os nosos puntos de partida, as nosas perspectivas e alianzas. En momentos nos que se busca unha saída, unha solución e un punto e final ás malas noticias colectivas, é hora de deixar os lugares trillados e buscar as alternativas noutros que ata o de agora non estaban nin na liña do horizonte.
A alternativa está aquí parte dese afán de buscar as solucións onde (xa) se atopan, principalmente na nosa man e sobre todo na man das mulleres do sur, que dende longo tempo traballan a leira do común. Fronte aos grandes discursos moitas veces repetidos, A alternativa está aquí lévanos polos lugares e estratexias do día a día, pola necesidade de cambiar a ollada arrastrándonos, coa forza dos argumentos e das experiencias, ao traballo no colectivo dende o individual para transformar e transformarnos.
María Reimóndez é tradutora e intérprete de profesión e feminista por convicción. O seu primeiro libro publicado foi o poemario "Moda Galega" (2002), ao que regresou nunha reescrita dez anos máis tarde en "Moda Galega reloaded" (2013) e posteriormente publicou "kleinigkeiten/cousiñas" (2013), "Presente continuo" (Xerais 2013) e " Galicia en bus " (Xerais, 2018), Premio Johán Carballeira 2017. Como narradora, é autora das seguintes novelas: "O Caderno de Bitácora" (2004), premio de novela Mulleres Progresistas 2003; "O club da calceta" (Xerais 2006), finalista do Premio Xerais de Novela 2005, Premio Arcebispo San Clemente 2007, traducida ao castelán, italiano e francés, e adaptada á escena por Teatro do Morcego e ao cine por Ficcións; "Pirata" (Xerais 2009), traducida ao italiano; "En vías de extinción" (Xerais 2012), traducida ao castelán, coa que iniciou a serie " Ciclo dos elementos " ; "Dende o conflito" (Xerais 2014), Premio Xerais de Novela; "A música dos seres vivos" (Xerais 2015); "A dúbida" (Xerais 2016), XIV Premio La Voz de Galicia de Novela por Entregas e " As cousas que non queremos oír " (Xerais, 2017). No ámbito da literatura infantil é autora de "Usha" (Xerais 2006), finalista do Premio Merlín 2005; "Lía e as zapatillas de deporte" (Xerais 2008); "O monstro das palabras" (Xerais 2009); "Volvo! O regreso de Usha" (Xerais 2014); e "Corredora" (Xerais 2017). Como ensaísta publicou "A alternativa está aquí" (Xerais 2014), en coautoría con Olga Castro, o libro "Feminismos" (Xerais 2013) e " Corpos exorbitantes " (2017), Premio Xohana Torres de Ensaio. En 2015 a AGE concedeulle o Premio Xosé María Álvarez Blázquez ao autor/a do ano. É fundadora da organización non gobernamental de cooperación ao desenvolvemento Implicadas/os no Desenvolvemento, que leva traballando desde o ano 1998 na India e en Etiopía en proxectos de desenvolvemento integral cun claro compromiso pola superación da discriminación de xénero como base do desenvolvemento perdurable. O seu relato "A esencia da cidade ' ' pode ser descargado en pdf: http://blog.xerais.gal/wp-content/uploads/2016/11/A_esencia_da_cidade.pdf