Adelaida é tremenda, como din os que a coñecen. Unha rapaza espilida, curiosa e con poderes un pouco estraños. Adelaida ten un bo compañeiro de aventuras no seu curmán Henrique, moi afeccionado a internarse nas fragas e a facer amigos entre os seres que nelas habitan. Por estas páxinas anda tamén a familia dos dous rapaces. E unha mestra, e un alcalde, e un garda municipal, e ata un santo...
Xavier P. Docampo (Rábade, 1946) é mestre e un dos máis prestixiados escritores galegos no campo da literatura para rapaces. Iniciou a súa andaina literaria con O misterio das badaladas (1986), unha novela que se confirmou como un dos grandes éxitos editoriais da literatura xuvenil galega. Despois publicou Cun ollo aberto e outro sen cerrar (1986), A chave das noces (1987), O armario novo de Rubén (1989), A nena de auga e o príncipe de lume (1989), Roxelio e a couza (1991), O país durminte (1992) e Cando petan na porta pola noite (1994), obra coa que gañou o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil.