FERNÁNDEZ PAZ, AGUSTÍN / PRADO, MIGUELANXO (Ilustración)
Un estraño resplandor aparece no mar, nunha área coñecida como Fosa Atlántica. Nesa zona, durante ben de anos, varios países europeos mergullaron os residuos radioactivos das súas centrais nucleares. Cando a OTAN envía barcos ao lugar, descóbrese algo sorprendente que as autoridades ocultan para non provocaren alarma entre a poboación.
Alba é unha rapaza que se sente intrigada polo misterio e desexa coñecer a verdade. Tras introducirse como polisón no barco, viaxará á zona cunha expedición organizada por un grupo ecoloxista.
Iníciase así unha aventura que acabará tendo unha repercusión mundial.
As flores radioactivas é unha novela crítica coa destrución da natureza e a manipulación informativa. Un relato que aposta por un mundo máis xusto e en paz.
Naceu en Vilalba no ano 1947. Mestre e licenciado en Ciencias da Educación, desenvolve a súa actividade profesional no ensino. Despois de exercer o maxisterio en diversos centros escolares, traballou no gabinete de estudos para a Reforma Educativa e, na actualidade, é coordenador docente de Lingua Galega na cidade de Vigo. Aínda que é autor de moitos traballos sobre cuestións pedagóxicas e relacionadas coa literatura infantil e a normalización lingüística, Fernández Paz debe a súa popularidade como escritor á súa obra narrativa, recoñecida dentro e fóra de Galicia con numerosos premios. Entre os seus libros destacan A cidade dos desexos (1989), As flores radiactivas (1989, premio Merlín), Contos por palabras (1990, premio Lazarillo), Lonxe do mar (1991), O tesouro do dragón Smaug (1992), As tundas do corredor (1993), Rapazas (1993), Trece anos de Branca (1994, premio Edebé) e Unha lúa na fiestra (1997).