En Caderno do Nilo o poema adéntrase na historia da humanidade, nacida do río, a través dunha viaxe sen meta que é unha viaxe ao tempo, a constatación de como se habitou a natureza nun deserto abafado de luz.
Este periplo poético conduce ao centro da soidade, transida pola beleza, e constitúese nun itinerario transformador, que estimula no poeta a interrogación e procura «buscar algo que amar. Facer da viaxe morada».
A través das páxinas de Caderno do Nilo percíbese unha viaxe poética ao tempo e simultaneamente unha estadía fóra do tempo que se relambe na aprendizaxe, na frescura da pedra fría que foi fogar dos deuses, e que permite habitar descoñecidos desertos que agochamos no noso interior.
Só na megápole do Cairo aparece o cotián, convivindo o pasado, o presente e o futuro nun corpo vivo con feridas e cicatrices.
Logo da viaxe, o poeta resulta transformado porque o Nilo que atravesa o deserto sedimenta na súa alma un desexo de nudez.
Cesáreo Sánchez Iglesias (1951) publicou en 1978 o seu primeiro poemario, Silencios e conversas de Inverno. Logo virían Antonte das salamántigas (1980), O cántico da fonte (1982), Ortigas da memória (1985), Mar do fin da terra (1987), A Árvore das sete palabras (1989), Do olvido o río (1993), O rostro da terra (1996), A escrita do silencio. Antoloxía persoal (1997), Evadne (1999), O rumor do distante (Premio Esquío 2001), Variacións nube (2004), Escrita luz. Antoloxía galego-castelán (2006) e O paraíso das sombras (2009). Preside a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.