Tome o tempo que precise, vaia na procura do momento en que non teña nada que facer nin nada polo que preocuparse. Saia da casa, achéguese a esa acolledora cafetaría que tanto lle gusta. Pida un café ben quente, e mentres agarda a que llo sirvan, mire a través da ventá a fermosa paisaxe que se amosa... (David Pintor) David Pintor comparte neste caderno de viaxe a súa visión máis persoal dunha das cidades históricas máis fermosas, acolledoras e entrañables, xa non só de Galicia ou de España, senón acaso do mundo enteiro. Coas súas peculiaridades, cos seus contrastes, coas súas sorpresas. Unha bici como medio de locomoción, unha libreta e un rotulador como medio de expresión, e un bo café como incentivo para cada paseo, son os fíos condutores deste libro de artista.
David Pintor (A Coruña, 1975). Humorista gráfico, ilustrador e pintor. Recibiu, entre outros, os premios Andersen 2015 e Nami Island 2013, o premio da Society of News Design, o Pura e Dora Vázquez de ilustración, o Premio Internacional Clermont-Ferrand, o Premio Ilustrador do Ano Città del Sol e o 2º Premio da Feira do Libro de Sharjah (Dubai). Foi finalista dos CJ Picture Book Awards (2011) e figura na lista The White Ravens (2009, 2011 e 2014). Foi seleccionado en varias edicións da Bienal de Bratislava e da Feira Internacional de Boloña. En Xerais, é coautor dos seguintes títulos: «Minimaladas» (2007), «Novas minimaladas» (2008), «Desde unha estrela distante» (2013) e «Cámbiache o conto» (2016), e autor do álbum ilustrado «(Non) a todas as nenas lles gusta o rosa» (2022). http://www.davidpintor.com