Manuel Lourenzo (Ferreira do Valadouro, 1943), licenciado polo Institut del Teatre, de Barcelona, alumno de Pepe Estruch, está vinculado desde 1965 ao teatro independente e comprometido na causa da reincorporación do teatro á vida pública galega. Sexa como dramaturgo, director, actor, teórico, divulgador ou grafista, os seus obxectivos foron sempre a creación e implantación dun teatro galego contemporáneo que non ignorase as súas raíces históricas nin estéticas. Nesta dirección, impulsou a creación dos seguintes grupos e compañías teatrais: O Facho (1965), Teatro Circo (1967), Escola Dramática Galega (1978), Compañía Luís Seoane (1980), Clube teatral Elsinor (1990), Casahamlet (1997)... É autor dunha extensa obra dramática iniciada en 1969 con «Romería ás Covas do Demo» e materializada en 2009 como «As dunas», entre a que destacan títulos como «Veladas indecentes» (1996), Premio Nacional de Literatura Dramática; «O circo da medianoite» (1997); «A larva furiosa» (2003); «As horas baixas» (2008), «Flores de Dunsinane» (Xerais, 2010) e «Suite Artabria» (Xerais, 2017), estas dúas últimas galardonadas co Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais. Reuniu o seu teatro breve (1973-2015) no libro «Nunca paraíso» (Xerais, 2016). Dirixiu espectáculos como «Electra», «Copenhague», «Fausto», «Magnetismo», «O avión paranoico»... Recibiu numerosos premios: Abrente (1978), Artur Carbonell (1983), Teatro de Cámara Ditea (1985), Rafael Dieste (1996, 1999), Marisa Soto, Maruxa Villanueva, Premio Nacional da Cultura Galega de Artes Escénicas (2008) e Premio Otero Pedrayo (2011).