ÁLVAREZ CÁCCAMO, XOSÉ MARÍA / PIZCUETA BARREIRO, MANUEL (Ilustración)
Un home impuntual é un fermoso álbum protagonizado por un home absolutamente impuntual a quen lle gustaría deixar de selo. Pero non pode. Máis quixera. Pero por moito que o intenta, o reloxo, e a súa tiranía, deciden por el. Así que o tempo se converte non nunha cousa relativa, senón nunha cousa absolutamente atafegante.
Naceu en Vigo en 1950. Estudou Filoloxía Románica na Universidade de Santiago de Compostela e dende 1973 exerceu de profesor de Literatura en varios institutos de Galicia. Destaca como poeta, aínda que tamén publicou relatos breves, algunha peza teatral e textos para o público infantil. Como ensaísta centrouse na poesía galega da segunda metade do século XX, con estudos como Vida de Antón Avilés de Taramancos, A comezos do 2006 publica en Galaxia as súas memoria baixo o título de Memoria de poeta.
Da súa obra lírica destacan os poemarios Luminoso lugar de abatimento, Premio Esquío 1986, e Calendario perpetuo, Premio da Crítica de Galicia 1998. Formou parte dos consellos de redacción dos suplementos Galicia Literaria de Diario 16 de Galicia e Faro das Letras de Faro de Vigo. Foi membro do Foro da Cultura e na actualidade forma parte do consello de redacción da revista Grial e do colectivo Burla Negra.