Nesta novela mestúranse voces, xéneros e escenarios (Vigo, Madrid, Monforte, Porto ou San Francisco) até compoñer un fresco de trinta anos de historia, dende 1977, ano das primeiras eleccións democráticas, pintado coa pincelada subxectiva duns personaxes situados sempre entre o realismo atroz e a utopía paródica.
Os xornalistas utópicos preséntanos as tripas dunha profesión desde o seu lado marxinal, pero tamén honesto, nun tempo no que os propios informadores se encontran no centro da polémica.
Unha novela sorprendente, sobre todo polo seu estilo directo, ás veces conversacional, polos seus cambios de ritmo, que fan que nos preguntemos sempre polo que virá despois, e polo seu humor capaz de transformar páxinas, aparentemente descritivas, nun campo de minas.
Manuel Veiga achéganos, sen dúbida, a súa mellor novela até hoxe, unha narración que ben poderiamos denominar biografía ficcionada, na que ao lector ou lectora non lle resultará difícil recoñecerse.
Manuel Veiga naceu en Monforte de Lemos no ano 1960.
É doutor en Ciencias Políticas e Socioloxía e licenciado en Ciencias da Información. A súa tese de doutoramento foi unha investigación dun caso concreto na realidade da prensa galega, o exemplo do Faro de Vigo, levaba por título "La construcción social de la realidad regional gallega a través de la prensa. El caso de "Faro de Vigo" (1898-1923)".
Escritor e xornalista, desde 1983 é redactor do semanario "A Nosa Terra".
Ten obra narrativa como As ruínas da cidade amada (1998), Biografías de malogrados (2001), e O exiliado e a primavera novela coa que obtivo o Premio Xerais de Novela no ano 2004. Publicou, ademais, O pacto galego na construción de España, un ensaio do ano 2003.
En 2006 obtivo o Premio García Barros de novela con Lois e Helena buscándose un día de tormenta, publicado por Editorial Galaxia.