Premio García Barros 2007 Esta é unha novela sobre a liberdade. E sobre os soños. Dos homes e dos pobos. As palabras da néboa é unha historia sobre tres destinos. Un aventureiro que volve do Novo Mundo; un señor feudal derrotado; unha muller libre que cambia a realidade só coa palabra. Maxia, libros prohibidos e unha revolta campesiña na Galicia do século XVI forman o pano de fondo no que Francisco Castro sitúa un relato de guerras, meigallos, violencia e épica colectiva. Unha historia sobre o dereito á utopía.
Francisco Castro (Vigo, 1966) traballa na actualidade na Editorial Galaxia. En 2010 foi elixido presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). É un dos narradores galegos que comezaron a publicar no inicio do século XXI. A súa narrativa destaca pola orixinalidade á hora de abordar xéneros moi diferentes.
É autor do libro de relatos eróticos Xeografías, de A canción do náufrago, ambos de 2001, e do relato histórico Memorial do infortunio. En 2004 publicou Xeración perdida, novela coa que adentra ao lector no mundo das drogas, e Un bosque cheo de faias, que gañou o Premio Frei Martín Sarmiento. Recibiu en 2006 o Premio Blanco Amor de novela longa con Spam que publica Galaxia.
En 2007 resultou gañador do Premio de Novela Manuel García Barros, concedido polo Concello da Estrada, coa novela As palabras da néboa, publicado por Editorial Galaxia. No mesmo ano publica \'O ceo dos afogados\' que foi finalista do premio Fundación Caixa Galicia e que recibiría o Frei Martín Sarmiento como mellor libro do ano.
En 2009 obtivo o Primeiro Accésit e Pluma de Prata no I Certame de Xornalismo de Opinión Raimundo García ?Borobó' polo seu artigo titulado ?Borobó despedido'. No eido da narrativa infantil e xuvenil é autor de \'Chamádeme Simbad\' (2009), Premio Frei Martín Sarmiento e lista de Honra do IBBY, e \'O segredo de Marco Polo\' (2010).