GONZÁLEZ COSTA, TERESA / CHAO, RODRIGO (Ilustración)
No Castelo Grisallo todo é gris: desde o maimiño da raíña Otilia ata a súa cunca de porcelana inglesa. E tamén chove moito. A Súa Maxestade xa está cansa de colocar tarteiras debaixo das pingueiras. Pero un día chegan pola porta os catro membros do Circo do Paraugas: Chapeu Torto, o director-capitán; Culleriña, a funambulista-tripulante; Pelo Teso, o mimo-tripulante e Zapatóns, o pallaso-tripulante. Na sala do Castelo Grisallo, onde todos os días eran iguais, os membros do Circo do Paragugas coas súas brincadeira e xogos rematarán co soberano aburrimento. Pouco a pouco os membros desta compañía de circo -que outrora fora esplendorosa- daranlle cor a tanta monotonía. E farán que a mesma choiva soe a música: a música das pingueiras nas tarteiras.
Pingueiras e tarteiras de Teresa González Costa, a peza gañadora do IIIº Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil, foi definida no ditame do xurado como unha " apoloxía da ledicia e da fantasía que ofrece unha visión atípica e desmitificadora de personaxes arquetípicos". Unha obra que recorre a xogos de palabras para contar como a chegada dunha compañía de circo cambia a vida gris dun castelo. Esta primeira edición de Xerais e AGADIC foi ilustrada por Rodrigo Chao.
Teresa González Costa (O Grove, 1975) é licenciada en Filoloxía inglesa e italiana, con estudos de Teoría da Literatura e Literatura Comparada. Realizou en paralelo unha formación teatral, tanto en Galicia como en Italia e Francia, como actriz en diversas compañías, talleres de teatro, danza e voz. Como docente, impartiu cursos de teatro en centros de ensino, creando varias obras. Viviu dous anos e medio en Xenebra, onde realizou guións para un programa radiofónico, na sección de teatro, e asistiu a cursos de dramaturxia baseados na obra de Jean-Luc Lagarce. Nesa cidade participou nunha produción da Comédie de Genève, logo dun taller anual. É autora de pezas de teatro publicadas nas editoriais Fervenza e Laiovento. Despois de ser mención especial no certame Barriga Verde 2004, e finalista no Rafael Dieste 2005, acadou en 2008 o XVII Premio Álvaro Cunqueiro con "Sempre quixen bailar un tango" (Xerais 2009) e o III Premio Manuel María de literatura dramática infantil con "Pingueiras e tarteiras" (Xerais 2009). Como narradora infantil e xuvenil publicou as novelas: "A filla do ladrón de bicicletas" (Xerais 2010), Premio Merlín de Literatura Infantil 2010 e Premio Frei Martín Sarmiento 2012 (Categoría 5º e 6º Primaria); "Eu, pel" (Xerais 2012); "Fred Quincalla, o nómade do mar" (Xerais, 2017) e "A noite das bicicletas" (Xerais 2018). "Os santos nunca dormen" (Xerais 2014) foi a súa primeira novela na colección Xerais Narrativa.